invocación á vaca de Fisterra en tempos atroces

MARILAR ALEIXANDRE
Lugar: Faro de Fisterra


atroz: de atrox, -õcis,
derivado de ater: negro
(Corominas)


oulea, vaca, oulea
chama polos teus fillos
coa túa voz tradeando espesas vagas
que concentran a tebra

oulea, vaca, oulea
nesta cerna da escuridade
cando as mouras fauces do leviatán ameazan
engulir o país
que a túa buguina mostre desde o faro
as rotas perdidas
da resistencia

ouh se fose posible
atravesar a negrume da memoria borrada
chamar polo Piloto que nos conduza
na peor das singraduras
¡Acudídeme Manuel Ponte, Foucellas!
¡Capitán do Serpent, Benito Soto!
para apurar as borras da desolación
válgannos os mortos xa que non saben
os vivos

válenos, ouh vaca
obtura co teu branco leite o atroz zume da cobiza

mais se os mortos non acoden á túa chamada
se Tomás non percorre as congostras nin Roi Xordo ha volver
se María Pita non pode opoñer valos ao alcatrán derramado
danos a mamar o teu leite
a zugar o teu sangue
e cando circulen polas nosas veas os tombos brancos
que outrora envorcaches nas Lobeiras
tomemos por fin os vivos
o temón nas mans

(inédito, lido no Faro de Fisterra, decembro 2002)

Igrexa de Santa María das Areas de Fisterra

Fisterra, Fisterra

Faro de Fisterra
No mapa

invocación á vaca de Fisterra en tempos atroces

invocación á vaca de Fisterra en tempos atroces

Concello, Comarca ou Provincia
Tipoloxía