Porto da Coruña, ano mil novecentos e poucos

RAFA VILLAR
Lugar: Porto da Coruña

eu quería que meu bisavó fose pirata barbazul
pero el sobe a aquel barco, cos seus primeiros zapatos de 18 anos,
sen máis terra que a das súas unllas labregas

América era o seu horizonte de escuma
e meu bisavó di un adeus sen apenas dirección
con bágoas sequísimas e un silencio gris
até chegar á Arxentina

meu bisavó nunca me falou de Bos Aires

eu quería que meu bisavó cantase polas avenidas
tangos saudosos
na lembranza dun país que se cadra era un destino,
ou un amor,
pero meu bisavó só coñeceu
a cidade raulgonzaleztuñón e tabernaria
un porto que era unha illa esquecida
e homes tatuados
nas sombras nocturnas dos arrabaldos

meu bisavó volveu cun bandaneón baixo do brazo
e cicatrices como lascas de memoria e soidade

meu bisavó baixa daqueloutro barco,
enfermo de atlántico,
tusindo un tempo que se esfuma na súa fame lenta

eu quería que meu bisavó fose indiano
de chaleco, levita, chapeu e reloxo no peto
pero meu bisavó traballaba día e noite
para facer un enorme banco de carpinteiro
e entre garlochas, martelos, puntas, serras, táboas...
consumía a súa vida e fabricaba esquecementos

meu bisavó nunca me falou de Bos Aires

poucos días antes de morrer
meu bisavó apenas nos recoñecía
e só falaba de xente enterrada na chuvia da memoria
e dunha terra, alén do mar,
que aínda debía gardar a súa suor
e mais a súa mocidade

(2003)

Real Academia Galega

Rafa Vilar

Porto da Coruña, ano mil novecentos e poucos

Porto da Coruña, ano mil novecentos e poucos

Concello, Comarca ou Provincia
Tipoloxía