Literatura

Madrigal á cibdá de Santiago

Federico García Lorca

Lugar: A Praza do Obradoiro
Madrigal á cibdá de Santiago

Chove en Santiago
meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol;
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón

No mapa
42.88089, -8.545627
Concello, Comarca ou Provincia

A Fisterra

MODESTO FRAGA
Lugar: Ermida de san Guillerme

Por anagrama levas a senda do erotismo
debuxado. No horizonte a imaxe do teu pobo:
dous fermosos seos de muller  tralos penedos
que esconden a verdade de tanta lenda viva.

Orcavella. A lenda das lendas esquecidas
que dorme no cumio, alén onde remata o Facho.
A de San Guillerme, Ara Solis e tantas outras
que levan de anagrama a senda do erotismo.

No mapa
42.890380748124, -9.2696932731208
Concello, Comarca ou Provincia

MAR DE FÓRA

MODESTO FRAGA
Lugar: Mar de Fóra (Fisterra)

A Segundo Moure Trillo, último xeiteiro

En Mar de Fóra
apenas se percibe a luz do día.

E o frío arde
nos tombos da mudez máis arraigada.

E todo fica estraño
e silencioso

como unha sombra
enxoita de paisaxes.

En Mar de Fóra
adoito se mesturan
as artes do tributo máis efémero:

herdanza de salitre
-a nosa-
de homes e mulleres salitrosos.

No mapa
42.874104618729, -9.3629908625691
Concello, Comarca ou Provincia

Porto da Coruña, ano mil novecentos e poucos

RAFA VILLAR
Lugar: Porto da Coruña

eu quería que meu bisavó fose pirata barbazul
pero el sobe a aquel barco, cos seus primeiros zapatos de 18 anos,
sen máis terra que a das súas unllas labregas

América era o seu horizonte de escuma
e meu bisavó di un adeus sen apenas dirección
con bágoas sequísimas e un silencio gris
até chegar á Arxentina

meu bisavó nunca me falou de Bos Aires

No mapa
43.367865455293, -8.3948744068483
Concello, Comarca ou Provincia

Val de Traba

XOSÉ MANUEL VARELA
Lugar: Val de Traba

No val de Traba
seguirás coa vista o voo marmóreo da garza no inverno
pola longura do areal.

Diante desta terra nai, comprobarás o pouco,
o pouco que é un home.
Se che terman os xeonllos, non ocultes as bágoas de sangue,
adiviñaránseche.

(De Casa vouga, 2001)

Praia de Traba

Xosé Manuel Varela
No mapa
43.182244956839, -9.0379856166182
Concello, Comarca ou Provincia

En barro de Buño

XOSÉ MANUEL VARELA
Lugar: Buño

Collerte, terra, coas mans,
aloumiñarte, darche vida,
mentres os dedos se enchen de ti,
beberte de auga para amansarte,
sacarte terra de terra coma quen procura un feitizo,
erguerte dunha ollada ás formas doutrora,
tecerte dun diálogo con quen te sacou terra de terra
cal un rescate da memoria deste chan que calcamos a diario.

Engalanarte coas mellores plumas,
riscarte coma quen debuxa un abecedario,
pórche remate cos bordos máis sensuais, de labios húmidos.

No mapa
43.268718332094, -8.7789524927584
Concello, Comarca ou Provincia