Igrexa

Xeoloxía na Igrexa de Coedo

Nesta zona do Perdouro podemos atopar espectaculares estruturas de Formación Candana, as dobras que presentan os materiais cuarcíticos e que se poden visualizar no apartado Zona xeolóxica do Perdouro. Estes materiais están intensamente dobrados como consecuencia dun proceso de deformación de tipo comprensivo que tivo lugar ao longo de varias fases e que se coñece como oroxenia hercínica ou varisca. A etapa máis intensa desta formación coincide co Período Carbonífero, que comprende entre os 360 e os 290 millóns de anos.

Nas catro primeiras imaxes pártese dunha panorámica da zona para ir achegándose cada vez máis ás formacións que destacan na paisaxe.

A quinta imaxe mostra con detalle as incrustacións de cuarzo na cuarcita. As cuarcitas corresponden a un ambiente de praia, areas de cuarzo. A partir dunha fractura nas cuarcitas circula un líquido hidrotermal que ascendeu desde o interior da terra cargado de cuarzo. Por presión do fluído vai aumentando a fractura da cuarcita, vaina abrindo e cada vez se introduce máis fluído cargado de cuarzo que se vai solidificando e aumentando a fractura ata formar un filón.

A partir da sexta imaxe pódese observar como as incrustacións de cuarzo, material moi duro pero moi fráxil, sometidas á acción erosiva do mar acaban por modelar o territorio e ofrecer as fermosas formacións da denominada igrexa de Coedo.

Igrexa, polos fermosos arcos esculpidos polo mar nun filón de cuarzo, a modo de cúpula. Coedo, semella derivar de coído, nome de pequena enseada con cantos redondeados pola acción do mar.

A última permítenos admirar a beleza da estampa que xorde do baile entre os astros e a Terra.

Turismo Burela

Turismo Galicia

Concello, Comarca ou Provincia