Desde o Miradoiro do Castro, camiño do Miradoiro de Mostaz, atópase Millares pero merece a pena pararse antes de chegar á aldea.
As imaxes mostran elementos relacionados coa chamada Formación de Cándana, unha unidade estratigráfica que conforma zonas xeolóxicas situadas ao NO e N da península ibérica e que se sitúa no precámbrico ou cámbrico inferior pois, polas súas características, non ten bos fósiles que axuden a datar.
Neste punto podemos apreciar aspectos relacionados coa convivencia das cuarcitas e lousas coas calizas de Cándana, rochas calcarias que se atopan aquí en forma de lentellóns (zonas brancas no mapa xeolóxico). Estas rochas están compostas basicamente de caliza -carbonato de calcio (CaCO3)-.
Así, nesta zona están presentes os fenómenos cársticos (termo que provén de Carso/Karst, unha rexión de Eslovenia onde abundan e foron estudadas estas formas) producidos polo fluxo de auga subterránea, auga da chuvia que contén CO2 en disolución -ácido carbónico (H₂CO₃)- e que provoca a disolución das rochas calcarias, sedimentación fluvial, caída de rochas e precipitación do espeleotema (do grego spelaion, cova, y thema, depósito), denominación formal para o que comunmente se coñece como «formacións das cavidades» e que se refire a depósitos minerais secundarios como estalagmitas, estalactitas, columnas…
Tamén se aprecia na paisaxe unha sima. O fenómeno cárstico produce un tipo especial de depresión xeolóxica, un val denominado dolina, pero se aumenta considerablemente a cova interior e colapsa o teito dá lugar a unha cavidade que se abre ao exterior, unha sima.
Asociado con isto temos os coluvións os depósitos de ladeira orientados a favor da pendente e formados por anacos de rocha mesturados con arxila, o que os fai inestables e desprazables pendente abaixo coa auga de chuvia. Estes materiais son os responsables de moitas das problemáticas cando se constrúen novas vías de comunicación cando non son detectados por un estudo xeolóxico en condicións, tal e como sucedeu na A8 no seu paso polo Fiouco. Lembremos que aí temos cerca a formación cárstica a Cova do Rei Centolo.
Millares, Esperante, Folgoso do Courel




