E ti, campana d'Anllóns

 

EDUARDO PONDAL
Lugar: Igrexa Parroquial de Anllóns

E ti, campana d´Anllóns,
que, vagamente tocando,
derramas nos corazóns
un bálsamo triste e brando
de pasadas ilusións.
Alá nos pasados ventos,
Primeiros da miña vida,
Oio teus vagos concentos,
Reló dos tristes momentos
Da miña patria querida.

¡Cantas veces te lembrou
o que marchou para a guerra,
cando a súa nai deixou,
e partindo a estraña terra
de Baneira t´escoitou!

¡Cantas, do mar africano
cautivo bergantiñán,
oio nun soño tirano
o teu tocar soberano
aló nas tardes do vran!

Cando te sinto tocar,
Campana d´Anllóns doente,
Nunha nuite de luar...,
Rompo triste a suspirar
Por cousas dun mal ausente.

Cando doída tocabas
Polas tardes á oración,
Campana, sempre falabas
Palabras con que cortabas
As cordas do corazón.

Estabas contando ós ventos
Cousas do meu mal presente,
Os meus futuros tormentos,
Que dabas con sentimentos
Según tocabas doente.

Campana, se polo vran
Ves lumiar na Ponte-ceso
A cachela de San Joán,
Dille a todos que estou preso
Nos calabozos d´Orán.

E a aquela rula inocente,
Que me morría d´amor
No regazo docemente,
Tembrando com´unha fror
Sobre escondida corrente,

Diraslle que unha, de ferro,
Arrastro, rouca cadea,
Castigo atroz do meu erro,
E que dentro deste encerro
O seu amor me alumea.

E ti, golondrina errante
Dos longos campos d´Argel,
S´á miña terra distante
Te leva o voxo constante,
Dille o meu penar cruel;

S´alguén por min preguntar,
Dille que estou en prisións,
 E unha nuite de lunar
Iraste unha vez pousar
No campanario d´Anllóns”.

Así triste, en terra allea,
Aló na prisións d´Orán,
Cantaba un mozo d´aldea
E nos grillóns da cadea
Levaba o compás c´a man.

“¡Oh, nai da miña vida,
adiós, adiós, meu pai;
prenda de min querida,
adiós, oh miña nai!
Sombras dos meus avós,
Río da Ponte-Ceso,
Pinal de Tella espeso...,
Acordavos dun preso
Como el o fai de vós.
Campana de Anllóns,
Noites de lunar,
Luna que te pos
Detrás do pinar,
Adiós...,
Adioos...,
Adiooos...

Galipedia

Pondal

Desde o Miradoiro As Grelas en Cabana de Bergantiños

Desde a Casa natal de Pondal en Ponteceso

No mapa

E ti, campana d'Anllóns

Concello, Comarca ou Provincia
Tipoloxía