En barro de Buño

XOSÉ MANUEL VARELA
Lugar: Buño

Collerte, terra, coas mans,
aloumiñarte, darche vida,
mentres os dedos se enchen de ti,
beberte de auga para amansarte,
sacarte terra de terra coma quen procura un feitizo,
erguerte dunha ollada ás formas doutrora,
tecerte dun diálogo con quen te sacou terra de terra
cal un rescate da memoria deste chan que calcamos a diario.

Engalanarte coas mellores plumas,
riscarte coma quen debuxa un abecedario,
pórche remate cos bordos máis sensuais, de labios húmidos.

E cocerte, terra, cun íntimo alento.

Quixera collerte, terra, coas mans,
quixera collerte, digo, terra de terra,
coma quen procura un estraño feitizo.

Buño, agosto 2001

(De Casa vouga, 2001)

Xosé Manuel Varela
No mapa

En barro de Buño

Concello, Comarca ou Provincia
Tipoloxía