MODESTO FRAGA
Lugar: Mar de Fóra (Fisterra)
A Segundo Moure Trillo, último xeiteiro
En Mar de Fóra
apenas se percibe a luz do día.
E o frío arde
nos tombos da mudez máis arraigada.
E todo fica estraño
e silencioso
como unha sombra
enxoita de paisaxes.
En Mar de Fóra
adoito se mesturan
as artes do tributo máis efémero:
herdanza de salitre
-a nosa-
de homes e mulleres salitrosos.
Porque levamos no silencio
o rostro e a palidez salgada do traballo.
Ese traballo inxel
de remendar nas redes máis absurdas.
En Mar de Fóra
as redes son o berce
onde aniñamos, nós,
alén da luz escura
que nos sinala o día.
No mapa
Concello, Comarca ou Provincia
Tipoloxía