Miradoiro de Mostaz

 Desde este miradoiro aprécianse distintos tipos de vexetación que permiten deducir onde están as cuarcitas, as lousas ou os lentellóns de calcarias, pero tamén podemos ver zonas de explotación aurífera romana.

No Courel hai abundantes exemplos de minería a ceo aberto e minería subterránea  por pozos e galerías. As minas da Toca, Torubio, Monte Barreiro e Millares son un bo exemplo de explotación dos filóns auríferos de seixo e arenisca que deixaron no relevo a súa pegada perfectamente visible desde o xeomirador de Mostaz.

Estas explotacións realizáronas sobre xacemento primario, xa que o ouro extraíase directamente do filón e non, como sucedía nas explotacións sobre xacementos secundarios, orixinados por erosión a partir dos primarios, que se realizaba mediante lavado.  Nos xacementos primarios cómpre realizar tarefas de extracción da rocha, de triturado e de extracción do metal.

 Este tipo de xacementos presentan filóns de seixo aurífero incrustados na rocha de xisto cristalino, ou ouro asociado a minerais de sulfuros metálicos especialmente á arsenopirita (arseniuro de ferro e níquel, FeAsS) que, como vemos na mostra da imaxe, non ten indicios da presenza do ouro xa que non presenta unha cor dourada, pero si un brillo metálico grisáceo e cando estes sulfuros se oxidan o ouro libre queda situado encima da rocha,  pois é un metal moi estable.

Para explotar a zona os romanos facían pequenas fogueiras xerando unha calor moi intensa e, mediante un sistema de canalización, levaban auga ata ese punto para producir un choque térmico que lograba fracturar a rocha. Na Mina da Toca, que se mostra nas imaxes captadas desde este miradoiro, atópanse moitas das estruturas empregadas polos romanos para a extracción do ouro coa axuda da enerxía hidráulica.

A día de hoxe a extracción do ouro da arsenopirita realízase con cianuro mediante métodos químicos, coa agravante da problemática de contaminación que supón esa técnica.   

Mostaz, Esperante, Folgoso do Courel

No mapa

Miradoiro de Mostaz

Concello, Comarca ou Provincia
Tipoloxía