Ponteceso

Ponteceso

VICTORINO ABENTE LAGO
Lugar: Ponteceso

Estóu na terra de Ponteceso,
frondoso berce do meu curmán,
galaico bardo de moita sona,
cantor do triste preso de Orán.

Ouzo as campanas d'Allóns e sinto
que magoando meu peito están,
porque me lembran o prisioneiro
que chora lonxe do patrio chan.

Altos pinales cobren os montes,
fermoso río recorre o plan,
garrida terra pola que xeme
aquel penado con tanto afán.

Famosa terra que serás de cote
nos moitos anos que pasarán,
nunca esquecida polo recordo
do teu poeta bergantiñán.

Ponteceso

Victorino Abente Lago

Concello, Comarca ou Provincia

“Rei dos castros, castro forte”

EDUARDO PONDAL
Lugar: Castro de Nemeño

 “Rei dos castros, castro forte,
garrido castro Nemenzo,
o das uces montesías
e dos carballos cerqueiros;
o da boa parecenza,
o dos altos parapetos,
cheos de frores no vran
e esquivas uces no inverno;
o dos fosos ben compridos
e ben fondos e ben feitos,
das rampras en caracol
e camiños encubertos;
doce á vista desde longe,
castro boo, castro compreto,
¡ouh castro, amigo dos celtas,
antr´os castros o primeiro!,
coma un celta forte e armado,
desde longe te contempro
co teu escudo embrazado
con que defénde-lo peito.
Eu non sei por que na alma
O que sinto non comprendo,
Cal virgen que o seu amado
Mira cun pracer secreto.
Así a túa formosura
Respete o futuro tempo,
E na túa nobre frente
Conserves o nobre sello,
Qu´é propio tan só dos fortes
Qu´ó tempo non se rendeno,
E seas doce lembranza
Dos días que feneceno,
Daqueles que inda virán
A poboar noso eido,
E pasado tempo antigo
Chamarán ó noso tempo”.
Tal ó son d´harpa gemente
Cantaba a doce Maimendos,
Filla do boo Contemunde,
Antre os fortes o primeiro,
Que, do eido dos seus maiores,
No Támara estaba vendo
O grande castro garrido,
Nun día escuro d´inverno,
En que as uces montesías
Se domeaban co vento,
E a voz da doce meniña
Íbase ó longe perdendo...

Nemeño, Ponteceso

Pondal

Concello, Comarca ou Provincia

E ti, campana d'Anllóns

 

EDUARDO PONDAL
Lugar: Igrexa Parroquial de Anllóns

E ti, campana d´Anllóns,
que, vagamente tocando,
derramas nos corazóns
un bálsamo triste e brando
de pasadas ilusións.
Alá nos pasados ventos,
Primeiros da miña vida,
Oio teus vagos concentos,
Reló dos tristes momentos
Da miña patria querida.

¡Cantas veces te lembrou
o que marchou para a guerra,
cando a súa nai deixou,
e partindo a estraña terra
de Baneira t´escoitou!

¡Cantas, do mar africano
cautivo bergantiñán,
oio nun soño tirano
o teu tocar soberano
aló nas tardes do vran!

Cando te sinto tocar,
Campana d´Anllóns doente,
Nunha nuite de luar...,
Rompo triste a suspirar
Por cousas dun mal ausente.

Cando doída tocabas
Polas tardes á oración,
Campana, sempre falabas
Palabras con que cortabas
As cordas do corazón.

Estabas contando ós ventos
Cousas do meu mal presente,
Os meus futuros tormentos,
Que dabas con sentimentos
Según tocabas doente.

Campana, se polo vran
Ves lumiar na Ponte-ceso
A cachela de San Joán,
Dille a todos que estou preso
Nos calabozos d´Orán.

E a aquela rula inocente,
Que me morría d´amor
No regazo docemente,
Tembrando com´unha fror
Sobre escondida corrente,

Diraslle que unha, de ferro,
Arrastro, rouca cadea,
Castigo atroz do meu erro,
E que dentro deste encerro
O seu amor me alumea.

E ti, golondrina errante
Dos longos campos d´Argel,
S´á miña terra distante
Te leva o voxo constante,
Dille o meu penar cruel;

S´alguén por min preguntar,
Dille que estou en prisións,
 E unha nuite de lunar
Iraste unha vez pousar
No campanario d´Anllóns”.

Así triste, en terra allea,
Aló na prisións d´Orán,
Cantaba un mozo d´aldea
E nos grillóns da cadea
Levaba o compás c´a man.

“¡Oh, nai da miña vida,
adiós, adiós, meu pai;
prenda de min querida,
adiós, oh miña nai!
Sombras dos meus avós,
Río da Ponte-Ceso,
Pinal de Tella espeso...,
Acordavos dun preso
Como el o fai de vós.
Campana de Anllóns,
Noites de lunar,
Luna que te pos
Detrás do pinar,
Adiós...,
Adioos...,
Adiooos...

Galipedia

Pondal

Desde o Miradoiro As Grelas en Cabana de Bergantiños

Desde a Casa natal de Pondal en Ponteceso

Concello, Comarca ou Provincia