EVARISTO MARTELO PAUMÁN
Lugar: Castelo de Vimianzo
Nas Torres de Vimianzo
din que hai un mouro encantado,
homes e nenos co medo
de noite pasan de largo;
eu non sei si será o mouro,
eu non sei si será o trasno,
si son os meus pensamentos,
que algunha noite velando
solitario no meu leito,
co reflexo do cigarro
batendo nalgún espello,
ou no curruncho dun arco
trasvexo así como sombras
lindas e blancas pasando.
"Vinde a facer homenaxe,
vinde a min, que son o amo,
miña mesnada sombriza",
dígolles; quedo agardando,
mais elas, si son non veñen
aínda foxen cando eu falo.
Só escoito por resposta
os cans ó lonxe ladrando
xunto as portas dos quinteiros
non longo val espallados,
os asubíos do vento
nos matacáns do meu pazo,
o grave son da follaxe
como un xigante roncando,
o berro dunha curuxa,
ou as couces dos cabalos
que no silencio da noite
patean de min debaixo,...
e cando ó fin xa me durmo,
quixera velas soñando.
¡Ou! quen fora vulgo, ou neno!
¡Casi me encantan encantos!
(De Líricas gallegas,1894)