Laxe

Lembranza Laxeriana

MANUEL CAAMAÑO DEVESA
Lugar: Laxe

(No 15 de Agosto)


LAXE, que asentas na veira
do mar, antre brancas praias,
bonita coma unha cuncha
dos teus mariscos de nacra.
Mándoche un grato recordo
que teño da miña infanza
e, con él, con cen sospiros
que saien da miña i-alma.
Hoxe, que estás de gran festa,
vive en min máis a lembranza
e parez que estou ouindo
as meigas notas da gaita
que, tocada polo “Fresco”
-gaiteiro de Braño ou Traba-
co seu “tiro, liro, lilo”,
ou co “tiro, liro, lala”,
que par-ó caso, é o mesmo
para bailar cô-as rapazas,
polkas, mazurcas, muiñeiras
e toda crase de danzas,
porque en canto a bailarinas...
¡hai que vel-as! Na comarca,
n-as hai millor, e os mociños
tampouco lles van na zaga...

*  *  *
Namentras mozos e mozas
bailarán hoxe na praza,
e corren os teus rapaces
tras dos foguetes que estalan,
quezáis que ninguén se acorde
de min, que, en terra lonxana,
vivo cheo de saudades,
para ti, LAXE, adourada!...

Laxe Manuel Caamaño Devesa
Concello, Comarca ou Provincia

A vila de Laxe

ANTÓN ZAPATA GARCÍA
Lugar: Centro de Laxe

  AO pê da «Arca grande», e sobre a pedra dura,
a filla ben querida dos ártabros, laxesa,
espéllase n-as ondas tranquías, coor turquesa,
pieitando os seus cabelos de ourífica finura.

  De pesca e mariñeira tên a lanzal feitura,
e, de outo señorío, tamén prestanza acesa:
pol-o abolengo, pode ser céltica princesa,
pois, n-ela, de Altamira, o embrema ainda figura.

  No vran, as súas praias son leitos de puntillas
enonde a siesta dormen as peixadoras quillas
sin relembrar nortadas, trebóns e furacáns;

  e cando na invernía o mar morde os cantiles,
e afonda lanchas e homes, e tira côs petriles...
¡a branca vila enlóitase pol-ôs mortos laxeiráns!...

Laxe

Antón Zapata García

Antón Zapata García

Concello, Comarca ou Provincia