Capela da Nosa Señora de Loreto
15970 Porto do Son (A Coruña)
Capela Nosa Señora de Loreto (Patrimonio)
A capela da Nosa Señora de Loreto data do século XIX. É unha pequena ermida de planta rectangular cunha soa nave coa capela na cabeceira de menor ancho e proporcións cadradas, cunha sancristía no lateral dereito do presbiterio, con acceso desde o exterior. Os muros son de cantería, e neles ábrense dúas pequenas fiestras na nave principal e unha no presbiterio, ademais dunha entrada lateral a carón da sancristía. No interior ten un coro de madeira con escaleira de acceso apegada ao muro.
O exterior carece de ornamentación e a fachada principal componse dunha porta rectangular cunha pequena fiestra por riba. A fachada está enmarcada por dúas molduras laterais a modo de pilastras que rematan en senllos pináculos. Conta cunha cornixa a dúas augas, interrompida no cumio pola plataforma da espadana, con dúas arcadas de medio punto rematadas en pináculos.
Diante da ermida hai un cruceiro de capeliña. A imaxe da Virxe do Loreto, dentro desa capeliña, dá nome a este tipo de cruceiros (cruceiros de loreto). (Galipedia)



















